UN MAGOSTO PARA FACER MEMORIA

“FACEMOS MEMORIA” COS AVÓS E AS AVOAS. 


Dentro da programación do noso  proxecto de centro “Facendo Memoria”para este curso, o profesorado do colexio Sagrada Familia de Aldán, organizou unha serie de actividades onde os avós e avoas tiveron un lugar especial.

A nosa primeira experiencia foi a celebración do Magosto, unha festa que nos levanta o ánimo nun mes tan escuro e chuvoso. E, como celebralo mellor  que  cos avós e avoas que tanto queren e coidan dos seus netos?

Viñeron ao cole, entraron nas aulas,  contáronnos das súas vidas  e respondéronlles aos seus netos as diferentes preguntas  que lles foron facendo sobre a súa infancia: como eran as súas casas, a que xogaban, como eran os coches, que facían os días de chuvia, como era o seu colexio, como eran os mestres.,,, e así unha variedade de curiosidades que querían saber.
Foi moi fermoso apreciar a emoción coa que falaban e compartían cos seus netos e netas as súas vivencias pasadas!

Na luminosa mañá de sol que nos acompañou, continuamos cunha convivencia ao aire libre onde, como xa é costume no colexio todos os Magostos, houbo xogos tradicionais, bailes e cancións. Agarimounos ver como os avós xogaban cos nenos e lles ensinaban ao seu xeito; como cando eles xogaban de pequenos!

Xa cara á media mañá, a  celebración rematou cunha posta en escena teatral “INDO PARA O SAMAÍN”, levada a cabo polo alumnado de quinto de primaria e que forma parte do proxecto  teatral “Ronsel de seu”,  na cal tamén quixemos amosar e darlles  valor ás nosas tradicións e costumes.

Así foi como o alumnado do colexio Sagrada Familia de Aldán celebrou o seu Magosto cos avós e co pasado!

“Facendo Memoria” quere ser un proxecto de coñecemento e recoñecemento das nosas tradición e da nosa esencia cultural ; Darlle valor o pasado, para vivir o presente e saber afrontar o futuro!