Historia

O colexio Sagrada Familia foi iniciativa do Sr. cura párroco de Aldán, D. José Graña Montes e a súa irmá dona Josefa, vendo a necesidade urxente de formar como persoas as nenas e nenos. Iníciase así en decembro de 1948 a Fundación Benéfico-Docente, Padroado-Colexio Sagrada Familia con algunhas aulas e un comedor para os nenos máis necesitados, con preferencia dos orfos, xa que a situación era de extrema pobreza. Inicialmente fixéronse cargo da Fundación as Relixiosas da Divina Infantita que cesaron en decembro de 1951.
En marzo de 1952 as Relixiosas de María Inmaculada Misioneiras Claretianas continuaron o mesmo labor educativo e social, conseguindo que, pouco a pouco, se fose superando a pobreza material e intelectual. Desenvolveron a seu labor pedagóxico ao servizo da Igrexa con entusiasmo e xenerosidade ata agosto de 2006.
En setembro de 2006 o Padroado Sagrada Familia encomendou a xestión do centro ao Instituto Secular Cruzadas de Santa María , fundado polo P. Tomás Morales, S.I. (1908-1994), xestión que continúa na actualidade.